AXUDAS LIBROS
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.
Axudas á compra
As axudas da consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
O vindeiro curso modifícanse os tramos de renda per cápita familiar para dar cabida a un maior número de familias, e as contías aumentan entre 40 e 50 euros segundo o tramo de renda.
Así, os requisitos de renda e as contías das axudas quedan do seguinte xeito:
Educación Primaria:
- Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros: 210 euros.
- Renda per cápita familiar superior a 6.000,01 e igual ou inferior a 10.000 euros: 140 euros.
Así mesmo, no caso do alumnado matriculado en educación especial, en centros específicos ou en unidades de educación especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar.
Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.
Fondo solidario
No Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.
o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros , ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a 6 libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000,01 e 10.000 euros (ata o de agora o tramo ía de 5.400,01 a 9.000) terán acceso a 4 manuais.
Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.
Axudas para material escolar
O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda mantense a mesma, isto é, 50 euros/alumno.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.
Trámites por vía telemática
As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica preferentemente empregando a aplicación informática “fondolibros”, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia,, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, NOS PRAZOS QUE SE RECOMENDARÁN PARA TAL FIN (QUE COINCIDIRÁN COA DEVOLUCIÓN DO MATERIAL DO ALUMNADO QUE PERMANECE NAS AULAS), CO OBXECTIVO DE MANTER AS MEDIDAS DE PROTECCIÓN FRENTE AO COVID-19 RECOMENDADAS POLAS AUTORIDADES, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
Comentarios
Publicar un comentario